viernes, octubre 05, 2007

HOMENAXE A ANTÓN MOREDA

ESCRITORES, INTELECTUAIS E POLÍTICOS HOMENAXEARÁN EN BARREIROS A ANTÓN MOREDA, FUNDADOR DAS MOCEDADES GALEGUISTAS NO EXILIO

O vindeiro sábado 6 de outubro o Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros homenaxea ao veciño Antón Moreda. O acto comezará ás 17:00 horas na Praza do Souto en San Miguel, co descubrimento dunha placa conmemorativa na casa natal do homenaxeado. Antón Moreda, comprometido e implicado na loita social e política de Galiza dende moi novo, foi o fundador das Mocedades Galeguistas no exilio mais a súa figura atópase “esquecida” polos seus veciños.

O Colectivo Ollomao pretende facerlle unha homenaxe a un galego relevante, pero “veciño esquecido”.

Este galego barreirense é nativo da parroquia de San Miguel de Reinante, onde se conserva a casa en que viviu en dúas etapas intercaladas coa emigración. Viviu con intensidade a loita pola preservación da identidade galega participando no exilio na creación dun movimento político-cultural galeguista reivindicativo, que constituíse unha plataforma para que as mocidades plasmasen as súas inquietudes e canalizasen o seu sentimento galeguista vivido tan intensamente na emigración (en moitos casos exilio). Logo pretendeu que esta plataforma se trasladase á Galiza interior, colaborando na creación no 1962 do Consello da Mocedade.

Verqueu insumos esforzos na defensa da identidade galega asoballada durante a ditadura franquista, e cara o fomento do asociacionismo entre a xuventude galega, que lles supuxese un instrumento para o estudo, fomento e ensalzamento da cultura galega.

A súa labor cultural foi intensa, participou na creación en 1953 das Mocedades Galeguistas en Buenos Aires, ostentando a Secretaría Xeral e formando parte da súa Comisión de Cultura, colaborou na publicación Adiante, cofundador do Consello da Mocidade en 1963, foi representante comercial da Editorial Galaxia, participou no grupo cultural literario Brais Pinto e na actualidade é Presidente da Asociación Gaiola, asociación que busca a rehabilitación e integración dos doentes síquicos creando un lugar de encontro e de comunicación entre os doentes e o equipo asistencial alternativa aos alienantes sistemas de reabilitación manicomial, así mesmo é director da publicación desta asociación, Gaiola Aberta.

Deste xeito queremos reivindicar esta figura antes de que o esquecemento deste persoeiro sexa total, procurando que a súa lembranza sexa indeleble estando presente nas nosas vidas, colocando simbolicamente unha placa no seu honor na casa que o viu medrar

O programa inclúe intervencións públicas de destacados escritores e intelectuais, de veciños de San Miguel compañeiros da infancia e xuventude, así como dos seus compañeiros de loita durante o franquismo. Estarán presentes no acto, ademais do propio Antón Moreda, Luis Gonçalez Blasco, Foz, (compañeiro de Antón no Consello da Mocedade e actualmente secretario da Asociación Cultural Gaiola); Ramón Muntxaraz (membro da Asociación Cultural Gaiola e da equipa de redacción da revista Gaiola Aberta); Margarita Ledo (escritora que ten publicado o libro Porta Blindada sobre Antón Moreda); Xabier Cordal (escritor); Daniel Cortezón (escritor e dramaturgo) e Bautista Álvarez (cofundador do Consello da Mocedade). Ademais, compañeiros de infancia en San Miguel tomarán a palabra para renderlle homenaxe ao veciño esquecido no que se ten convertido Antón Moreda que tamén será o protagonista dos escritos de apoio que enviarán os escritores Xosé Luis Méndez Ferrín e Lois Diéguez.

A presentación do acto correrá a cargo da actriz barreirense Comba Campoi, tamén veciña de San Miguel. As distintas intervencións acompañaranse das actuacións musicais en directo de Stranniki e A Quenlla.

ANTÓN MOREDA: A PONTE COS GALEGUISTAS DO EXILIO

Antón Moreda naceu o 26 de xuño de 1934 en San Miguel de Reinante ( Barreiros). Fillo de Rosa Rodríguez e Antonio Moreda, foi criado cos seus avós maternos nesta vila, “ pois miña nai embarcou de volta para a perla do Caribe o xusto día que mataron a Calvo Sotelo”, explica o propio Antón no libro A loita dun galeguista, editado no ano 2000.

Aos 16 anos emprende o camiño da emigración cara Buenos Aires, onde será cofundador en agosto de 1953 das Mocedades Galeguistas, rama xuvenil da Irmandade Galega e do Partido Galeguista. No exilio traballa man a man coa colectividade intelectual e política galega, por exemplo, con Neira Vilas. Volta a Galicia cara 1960, traballando profesionalmente no comezo da editorial Galaxia. No 1963 será cofundador e Secretario Xeral do Consello da Mocidade, exercendo como ponte entre o grupo nacido no desterro e a mocedade máis sensible e concienciada da Galicia territorial. Nos anos noventa fundou xunto a Ramón Muntxaraz e Luis Gonçalez Foz, a Asociación Gaiola, que actualmente preside.


Etiquetas: , ,